150 anos de historia

Pasada xa a primeira metade do Século XIX, varios músicos dunha pequena localidade coruñesa comezaron un proxecto ao que os veciños comezaron a chamar a...

Pasada xa a primeira metade do Século XIX, varios músicos dunha pequena localidade coruñesa comezaron un proxecto ao que os veciños comezaron a chamar a «música de Arca». Este proxecto, que comezou en 1864, está máis vivo que nunca. A Banda de Música de Arca leva 150 anos enchendo as prazas, rúas e carballeiras de todo o país de sons, amenizando festas, romarías e actos relixiosos. Non é posible entender o lecer e a cultura galega do último século sen resaltar o papel que xogaron as bandas de música populares. A Banda de Arca aportou un pequeno gran de area a esta historia, xunto con outras moitas agrupacións coas que tivo o pracer de compartir escenario.

A pesares de que somos unha das bandas con maior traxectoria, existen bandas que datan dos anos 1830-40. Sen embargo, cabe destacar que a Banda de Música de Arca percorreu os últimos 150 anos de forma ininterrompida, incluíndo os duros períodos da Guerra Civil e posguerra. Considerando este feito, somos unha das agrupacións coa traxectoria máis lonxeva de Galicia.

Sen embargo non só debemos falar da nosa historia. A sociedade cambiou radicalmente así como os hábitos de consumo e de lecer. O futuro que se nos presenta está cheo de retos que nos obrigarán a adaptarnos e a renovarnos, pero sempre sen perder a nosa identidade. Continuar con este proxecto afrontando os tempos vindeiros con ilusión e afán de superación quizais constitúa máis sincera homenaxe que podemos renderlle a todos aqueles que fixeron posible que chegaramos ata aquí.

2014: Un ano para o recordo

En 2014 cúmprense 150 anos da fundación da Banda de Música de Arca. É un ano moi importante para nós e queremos compartilo contigo. Temos preparadas unha serie de iniciativas que levaremos a cabo durante todo este ano. Detallaremos puntualmente cada un destes eventos pero queremos que coñezas un pequeno adianto.

A música é a principal razón de ser das bandas de música, polo que esta terá un lugar destacado. A Banda de Arca ofrecerá, entre outros, un gran concerto onde se conmemore o 150 aniversario e que contará coa presentación dos resultados doutras iniciativas que se están xestando. Entre elas cabe destacar a elaboración dun libro que recolla a nosa traxectoria e os feitos máis salientables, incluíndo diversa documentación escrita e gráfica. Constitúe o maior esforzo levado a cabo para documentar a nosa historia. Como adianto podemos destacar que xa contamos cun prólogo asinado por D. Xosé Neira Vilas, ao que lle estamos profundamente agradecidos. Froito desta labor de documentación, tamén estamos preparando material audiovisual como parte dun documental e dunha exposición para facilitar o achegamento á historia da banda, á formación e traballos actuais e aos proxectos de futuro. Contaremos tamén coa presencia de diversas bandas amigas e outras agrupacións dentro do marco dun ciclo de concertos, así como diversos talleres onde tanto cativos como adultos poderán achegarse ao mundo da música.

As bandas de música son agrupacións que aglutinan a decenas de persoas polo que, de forma natural, xorden actividades paralelas que superan o ámbito musical. Como dinamizadores culturais e sociais que son as bandas, pretendemos acadar unha maior integración e abrir as portas da nosa agrupación. É por iso polo que tamén temos preparadas diversas actividades e torneos lúdicos buscando a participación dos veciños do concello e de todo aquel que queira achegarse.

Ese é só un pequeno avance das actividades que temos preparadas e das que informaremos puntualmente. Sen embargo, a túa colaboración é imprescindible.

Colaboración

Desde a Banda de Arca queremos pedir a túa colaboración neste proxecto. Sabemos que moitos de vós tedes ou tivestes familiares, amigos, veciños e coñecidos que nalgún momento pasaron polas filas da nosa agrupación. Para nós é fundamental recoñecer o traballo de todos aqueles que contribuíron durante estes 150 anos á Banda de Arca. Se posúes calquera información, xa sexan fotos, vídeos, libros, recortes de prensa, traxes ou instrumentos antigos, historias e anécdotas que os teus maiores che puideron contar nalgún momento ou mesmo a referencia dalgunha persoa coa que puideramos falar, agradeceriámosche enormemente que te puxeras en contacto con nós. Gustaríanos contar cunha copia de toda a información que nos poidas proporcionar.

Tamén podes colaborar neste proxecto economicamente, adquirindo os nosos CDs ou a través do mecenado. Outra forma de axudarnos é proporcionándonos o teu tempo ou material ao que teñas acceso, como material de impresión, gravación e reprodución audiovisual. En calquera caso, que participes nas actividades que propoñemos e colabores na súa difusión xa é un aporte inestimable. Toda axuda e colaboración son benvidas.

Se é o caso, non dubides en enviarnos un correo electrónico a 150anos@bandadearca.com ou ben contactar con nós a través das redes sociais.

Sen máis, queremos agradecerche a túa colaboración e esperamos que goces de todas estas actividades tanto como o estamos a facer nós.