A trascendencia e importancia desta Banda quedou reflexada ó ser inmortalizada nas páxinas da Literatura Galega da man do escritor que mellor describíu á Galicia rural, interior e profunda, Xosé Neira Vilas, quen no seu nostálxico libro Memorias dun neno labrego conta como a Banda de Arca, naqueles anos duros e difíciles da nosa historia, enchía de ledicia a aquela Galicia de poucos horizontes vitais:
O souto estaba alumeado con faroliños moi paveros. Tocaba a Banda de Arca… e a xente beilaba… Moitas pezas das que tocaron eu xa as tiña ouvido. O eco resonaba lonxe, no fondo da carballeira. Eu. Sentíae voar, coma se a música me arrincase do faiado e e levase polo aire…
Esta banda foi fundada no decurso do ano 1864 por D. Cristóbal Regueiro Fandiño, que dirixe por espacio de trinta e cinco anos á Banda da súa vila natal. A D. Cristóbal sucédenlle os seus fillos, Manuel e Ricardo, que continúan o labor do seu pai no período que vai dende 1900 ata 1932. Parece ser que a música enraizou con forza na familia Regueiro, xa que un neto do fundador, Manuel Regueiro Naviero, vai se-lo que colla a batuta desde o ano 1932 ata ben entrado 1940. Arredor desta data faise cargo da Banda o famoso músico compostelán D. Andrés Blanco, coñecido agarimosamente polo alcume de Rebornecho.
D. Rosendo Mato Hermida sucede a D. Andrés Blanco a partir de 1947. Tras unha paréntese de oito anos, no que asume a dirección D. Benito Iglesias Viñas, retorna á Banda D. Rosendo en 1974 na cal segue ata o ano 1989. Este home é natural de Vilalba (Lugo), vila na que comenzou a súa andadura artística como músico da Banda do seu pobo natal, desde 1926 ata 1929. Por estas datas ven para Santiago e ingresa na Banda Municipal da cidade, tendo como mestre ó grande compositor e director galego, hoxe inxustamente esquecido D. Ricardo Fernández Carreira.
No trienio 89-92 pasa a ser director o xoven natural de Taragoña D. Xavier Ces Calvo, quen ademáis é músico da Municipal de Santiago e mestre no conservatorio de Arzúa. Desde o 92 ata o 98 dirixe a Banda D. Ramón Vigo Deza natural de Fao (Touro), alférez e músico da Banda Militar de A Coruña.
Actualmente a batuta está ó cargo de D. José María Blanco Pampín, veciño de Arca e músico da Banda desde que era un neno. Este xoven fixo a carreira de saxofonista no Conservatorio de A Coruña, e é membro da Banda de Música Militar de A Coruña.
Dende novembro do 96 un grupo de músicos comprometidos coa Banda, entre eles o actual director, comenzan un intenso labor didáctico-musical con rapaces da zona, continuando ata agora. Froito deste traballo, na festa da Santa Icía do ano 98 debutan vinte rapaces. Os rapaces estudian na Escola de Música da Banda, formada por oito profesores, e completan a súa formación no Conservatorio de Arzúa. Con novas incorporacións nos anos posteriores, a agrupación conta na actualidade cun total de 51 músicos.
Quizáis o maior mérito desta Banda é que nunca se desfixo e que lle agarda un futuro prometedor. Os actuais membros da agrupación teñen posto o seu empeño en contribuír a este mérito, poñendo toda a súa ilusión e entusiasmo en impulsar moita vida e escribir moitas máis páxinas na historia desta centenaria Banda.