Como xa anunciamos hai dúas semanas, a Banda Escola de Música de Rianxo acompañaranos no Ciclo de Bandas que estamos a celebrar polo noso 150 aniversario. Esta agrupación provén do concello coruñés de Rianxo. A pesares de ser unha agrupación recente (ano 2003) non por iso son menores os seus éxitos, entre os que podemos citar, por exemplo, os primeiros premios nos anos 2008 e 2009 nas Seccións 3ª e 2ª respectivamente do Certame Galego de Bandas de Música Populares. Queremos darlle as gracias por desprazarse ata Arca e acompañarnos. Non queremos tampouco deixar pasar a ocasión de agradecer á Banda Municipal de Música de Betanzos, que nos acompañou o pasado 25 de outubro, por achegarnos o seu bo facer.
A Banda Escola de Música de Rianxo actuará o vindeiro domingo 9 de novembro, ás 19.30h, no Centro Sociocultural Luís Seoane de Arca (O Pino). Non faltes!