Resultados do VII Certame Galego de Bandas

Como xa informamos, a Banda de Música de Arca participou o pasado día 16 de novembro no VII Certame Galego de Bandas. Aqueles de vós...

Como xa informamos, a Banda de Música de Arca participou o pasado día 16 de novembro no VII Certame Galego de Bandas. Aqueles de vós que nos seguistes a través de Twitter e Facebook xa coñecedes o resultado: a Banda de Arca finalizou en cuarta posición. Como xa adiantabamos, este ano esperabamos unha moi dura competencia por parte dos compañeiros das outras bandas participantes. Podedes consultar nos seguintes enlaces o reconto final de premios e as actas do xurado.

Queremos darlle os nosos máis sinceros parabéns á Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla, á Banda de Música Sementeira de Cambre e á Agrupación Musical Atlántida de Matamá, que acadaron o primeiro, segundo e terceiro posto respectivamente na Sección II do Certame. Tamén queremos felicitar á Banda de Música Xuvenil de Torroso polo seu bo facer. Foi un pracer compartir escenario con vós. Todos os que nos acompañastes o día 16 no Auditorio de Galicia puidestes ver o gran nivel das bandas participantes nesta edición do Certame.

A nosa aspiración foi sempre a de pelexar pola vitoria polo que o certo é que un cuarto posto sábenos a pouco. Agora, dúas semanas despois, é o momento de mirar atrás e extraer conclusións do que foi unha magnífica experiencia pero tamén sendo conscientes que hai marxe para a mellora. Estamos moi satisfeitos coa nosa actuación e sabemos que demos todo o que estaba da nosa man. O cuarto posto é un estímulo para incitarnos á mellora e a continuar traballando na dirección na que o estamos facendo, polo que iso é o que imos facer.

A seguinte serie de fotos resume en certa medida o que foi unha longa xornada que comezou a media tarde no local de ensaio, cos preparativos para desprazarnos ata o Auditorio de Galicia, e que rematou a altas horas, pois a Banda festexou o resultado tras unha entrega de premios que comezou pasadas as 12 da noite. Momentos para o recordo para todos nós, e un pequena ollada ao que acontece detrás do pano e que normalmente o público non ten a oportunidade de ver.

A Banda realizou un gran esforzo para chegar coas máximas garantías ao Certame. Queremos agradecer aos profesores da Escola da Banda polo seu labor ao longo destes meses preparando aos máis pequenos, pois para moitos deles era o seu primeiro gran evento. Tamén queremos destacar o traballo dos compoñentes da Banda que, principalmente por motivos laborais, non poden acompañarnos no día a día pero que sempre están dispostos a botar unha man nos eventos máis importantes. Máis aló do resultado acadado, a experiencia non puido ser máis gratificante. É por elo polo que a Banda tamén quere felicitar a todos os seus membros polo esforzo e actitude que amosaron ao longo de todos estes meses. É un auténtico orgullo contar coa súa presencia, onde todos e cada un deles teñen unha importancia fundamental, desde o máis pequeno ata o máis veterano. E a todos os que dunha forma ou outra nos axudastes para chegar ata aquí, a nosa máis sincera gratitude.

Para finalizar e non por elo menos importante, tamén queremos darche as gracias a ti por virnos escoitar e apoiarnos no día a día pois a razón de ser dunha banda é o deleite do público que escoita os seus concertos. A maior satisfacción que acadamos neste Certame foi ver ao Auditorio de Galicia, completamente cheo e en pé, aplaudir durante minutos á Banda de Arca ao finalizar o concerto. Gracias a ti sentímonos gañadores.